bitácoradequímica

"Dicimos doce, dicimos amargo, dicimos quente, dicimos frío, dicimos calor, pero en realidade non hai máis que átomos e baleiro" (Demócrito)

A CIENCIA TEN NOME DE MULLER


En Galipedia podemos encontrar esta interesantísima páxina...
"No verán do 2004 rematouse de preparar a exposición "A ciencia ten nome de muller". A partir desta páxina pódese enlazar a diversas outras xeradas en principio a partir desa exposición. Esta mesma páxina é unha introducción á exposición"

QÚIMICA DO PELO

De cómo inflúen os enlaces químicos nas propiedades dos compostos e...
..un exemplo de aplicación destas propiedades.

O pelo, como as unllas, é unha das partes sen vida do noso corpo. Está constituído, basicamente, por unha proteína chamada queratina. As proteínas teñen unha forma de longa cadea na que os elos son unhas moléculas máis pequenas chamadas aminoácidos. Na natureza atopamos 20 aminoácidos integrantes de todas as proteínas dos seres vivos. Na queratina hai un aminoácido, a cisteína, que aparece con moita maior frecuencia que o resto.
O aspecto rizado ou laso do pelo, depende fundamentalmente das unións que se forman entre as cadeas de queratina. Estas unións poden ser de tres tipos :
- Unións disulfuro: a presencia dunha terminación -SH, na cisteína, fai posíbel que se formen enlaces covalentes -S-S- entre dúas cadeas paralelas de proteína. - Pontes salinas: son unións iónicas que aparecen entre unha terminación
–COOH (característica dos ácidos orgánicos) dunha cadea e unha terminación -NH2 (grupoamino) doutra. Unha reacción ácido-base entre ambos os extremos fai que se formen dous ións, -COO- e NH3+, que posibilitan a formación dun enlace iónico.
- Enlaces de hidróxeno : fórmanse entre o hidróxeno dun grupo -OH ou -NH dunha cadea e un átomo de osíxeno ou nitróxeno doutra cadea.

A fortaleza do pelo seco débese en gran medida aos enlaces de hidróxeno, xaque aínda que son moito máis débiles que os enlaces iónicos ou covalentes, atópanse presentes nun número moito maior. Ao mollar o pelo, as moléculas de auga interpóñense entres as cadeas de queratina. A formación de enlaces de hidróxeno con elas, dá lugar á rotura dos que xa existían entre as diferentes cadeas de queratina. Por esta razón, o pelo mollado é moito máis manexábel e podemos darlle forma facilmente.Cando o pelo seca, a auga elimínase e de novo fórmanse os enlaces de hidróxeno entre as cadeas paralelas, que fortalecen as febras do pelo. Existen produtos de cosmética que lle permiten dar ao pelo unha consistenciapermanente que non se elimina coa auga. Para conseguir este efecto séguense normalmente os seguintes pasos :
-Eliminar as unións disulfuro entre as cadeas de queratina (para o que se emprega frecuentemente ácido tioglicólico que rompe os enlaces -S-S- ao transformalos en –SH HS-).
-Darlle ao pelo a forma desexada.
-Formar de novo as unións disulfuro (p.e. empregando auga osixenada). -Deste xeito, o pelo adquire unha nova forma.

Os débiles, pero numerosos, enlaces de hidróxeno que se forman entre diferentes átomos, nunha mesma molécula de queratina, rachan ao mollar o pelo e interpoñerse as moléculas de auga. Os enlaces disulfuro (covalentes) que se forman entre átomos de xofre resultan máis fortes e para rachalos hai que engadir determinados produtos, permitindo cambiar a estrutura espacial da proteína.

"A investigación científica

consiste en ver o que todos viron

pero pensando no que ninguén pensou"

Szent-Gyorgyi